Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais. (En gallego)

Diario Oficial de Galicia

xoves, 3 de maio de 2007

 

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


 

Número do Dog: 85


Páxina do Dog: 6.979


Data da Disposición: 20 de abril de 2007


Sección: I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Organismo: PRESIDENCIA


Rango: Lei


Título: Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Exposición de motivos
1
A Constitución española, dentro do espírito descentralizador que a inspira e que recolle o seu título VIII, no seu artigo 148.1.22.º determina, como unha das competencias que poderán asumir as comunidades autónomas, a coordinación e demais facultades relacionadas coas policías locais, nos termos que estableza unha lei orgánica.

A Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, promulgada a raíz do mandato constitucional, sinala que lles corresponde ás comunidades autónomas, consonte a mesma lei e a de réxime local, coordinar as actuacións das policías locais dentro do seu ámbito territorial.

Con tal motivo promulgouse a Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia, que tiña como obxectivo a coordinación das policías locais do seu territorio, nos termos establecidos no artigo 39 da anterior lei orgánica.

Sen dúbida, a evolución dos corpos de Policía local en Galicia corre parella á das propias administracións locais de que dependen, xa que os municipios desenvolven un importante papel na vida do país galego. Bo exemplo disto é que asumen un protagonismo cada vez máis relevante na loita contra o que podemos chamar a «delincuencia de proximidade». Así, os nosos concellos foron adquirindo, durante estes anos, cada vez máis competencias e responsabilidades, circunstancia na cal ten influído, ademais doutros factores, a súa condición de administración máis próxima ao cidadán, e da que a Policía local é un bo exemplo.

A partir duns corpos de Policía local moitas veces reducidos e dedicados a tarefas de carácter moi básico foise evolucionando a cadros de persoal cada vez máis completos, profesionalizados e preparados para atender un crecente número de actuacións, que xa pouco teñen que ver cos tradicionais labores e que, en moitas ocasións, implican unha considerable complexidade.

Así, os municipios galegos foron plenamente conscientes desta evolución e da necesidade de daren os pasos necesarios para se adaptar a esta, dedicando cada vez un maior número de recursos para lles proporcionar aos seus veciños un servizo de policía que, sen deixar de ser próximo, gañe cada día en eficacia e eficiencia.

Nisto colaborou, sen dúbida, o intenso esforzo formativo levado a cabo pola Academia Galega de Seguridade Pública, que se une á aposta que tamén fai a Xunta de Galicia pola definitiva consolidación deste avance, mediante o impulso dun novo texto legal que, servindo de marco a un posterior desenvolvemento regulamentario, satisfaga as demandas dunha seguridade pública municipal preparada para responder con garantías ás específicas condicións dos municipios galegos.

2
A lei estrutúrase en sete títulos, que teñen o seguinte contido: título I: obxecto e ámbito de aplicación da lei; título II: dos corpos da Policía local; título III: da coordinación das policías locais; título IV: da creación, estrutura e organización; título V: da selección, promoción, mobilidade e formación; título VI: do réxime estatutario; título VII: do réxime disciplinario; e título VIII: dos vixilantes municipais e auxiliares da Policía local.

O título I contén o obxecto da lei e o seu ámbito de aplicación.
O título II trata dos corpos de Policía local, e divídese en tres capítulos: o capítulo I define a finalidade, a natureza e o ámbito de actuación dos corpos de Policía local; o capítulo II recolle os principios e as funcións propias; e o capítulo III trata da uniformidade, a acreditación e os medios técnicos de que disporán os membros dos corpos.

O título III regula a coordinación das policías locais.
O título IV refírese á creación, estrutura e organización, establecendo catro escalas: superior, que comprende a categoría de superintendente; técnica, coas categorías de intendente principal e intendente; executiva, coas categorías de inspector principal e inspector; e básica, coas categorías de oficial e policía.

O título V regula a selección, promoción, mobilidade e formación dos corpos da Policía local e consta de dous capítulos: o capítulo I dedícase ao ingreso, promoción e mobilidade, e o capítulo II, á formación.

O título VI regula o réxime estatutario dos membros da Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia. Divídese, pola súa vez, en cinco capítulos: o capítulo I regula os dereitos e deberes dos membros dos corpos da Policía local; o capítulo II refírese á xubilación e ás situacións administrativas; o capítulo III regula unha destas situacións, a denominada segunda actividade, que ten por obxecto garantir unha axeitada e permanente aptitude psicofísica dos integrantes dos corpos para o desempeño eficaz das súas funcións; e o capítulo IV refírese a distincións e recompensas.

O título VII regula o réxime disciplinario.
O título VIII refírese aos vixilantes municipais e aos auxiliares da Policía local.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de coordinación de policías locais.

TÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación
Artigo 1.-Obxecto.
O obxecto desta lei é regular a coordinación das policías locais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da súa dependencia das autoridades municipais, de conformidade co disposto na lexislación orgánica de forzas e corpos de seguridade, e con pleno respecto ao principio de autonomía municipal.

Artigo 2.-Ámbito de aplicación.
1. Esta lei é de aplicación aos corpos de Policía local dos diferentes municipios da Comunidade Autónoma de Galicia e ao seu persoal.

2. Nos municipios onde non exista corpo de Policía local, a coordinación estenderase ao persoal que realice funcións propias de auxiliar de Policía local, que, a partir da entrada en vigor desta lei, pasan a denominarse vixilantes municipais.

Artigo 3.-Formación.
Constitúen obxectivos básicos da coordinación a formación homoxénea e o adecuado perfeccionamento dos membros dos corpos de Policía local e dos vixilantes municipais.

TÍTULO II
Dos corpos da Policía local
Capítulo I
Finalidade, natureza e ámbito de actuación
Artigo 4.-Finalidade.
No exercicio das competencias que lles corresponden aos concellos, os corpos de Policía local protexerán o libre exercicio dos dereitos e liberdades e contribuirán a garantir a seguridade cidadá e a consecución do benestar social, cooperando con outros axentes sociais, especialmente nos ámbitos preventivo, asistencial e de rehabilitación.

Artigo 5.-Natureza xurídica e denominación.
1. Os corpos de Policía local son institutos armados de natureza civil, con estrutura e organización xerarquizada baixo a superior autoridade e dependencia directa do alcalde respectivo, ou do concelleiro en que este delegue.

2. Nos municipios en que existan policías locais, estes integraranse nun corpo propio e único, coa denominación xenérica de corpo de Policía local. As súas dependencias denominaranse Xefatura da Policía local.

3. O mando inmediato e operativo da Policía local correspóndelle ao xefe do corpo.

4. No exercicio das súas funcións, os membros dos corpos de Policía local teñen, para todos os efectos legais, o carácter de axentes da autoridade.

5. Os policías locais son funcionarios de carreira dos respectivos concellos. Queda expresamente prohibida calquera outra relación de prestación de servizos coa Administración local, agás o disposto para a contratación de auxiliares de Policía local nos termos previstos no artigo 95 desta lei.

6. Os concellos deberán exercer directamente as funcións no exercicio das súas competencias en materia de mantemento da seguridade, sen que poidan constituír entidades nin órganos especiais de administración ou xestión, nin caiba, en ningún caso, a prestación do servizo mediante sistemas de xestión indirecta.

Artigo 6.-Ámbito territorial de actuación.
1. Os corpos de Policía local actuarán no ámbito territorial dos seus municipios. Non obstante, os seus membros poderán actuar fóra do seu termo municipal cando sexan requiridos pola autoridade competente en situacións de emerxencia e tras a autorización dos respectivos alcaldes. Nestes casos, actuarán baixo a dependencia do alcalde do concello que os requira, e baixo o mandato do xefe do corpo deste municipio, sen prexuízo das tarefas de coordinación que lle correspondan á consellaría competente en materia de coordinación de policías locais e emerxencias.

2. Cando exerzan funcións de protección de autoridades das corporacións locais, poderán actuar fóra do termo municipal segundo o disposto na lexislación vixente.

3. Eventualmente, cando pola insuficiencia temporal dos servizos sexa necesario reforzar o cadro de persoal do corpo de Policía local dalgún concello, o seu alcalde poderá chegar a acordos con outros concellos para que membros da Policía destes últimos poidan actuar no ámbito territorial do solicitante, por tempo determinado e, de ser preciso, en réxime de comisión de servizo, aceptado voluntariamente polo funcionario.

4. Para os efectos previstos nos puntos anteriores, poderase instar a colaboración da consellaría competente en materia de seguridade, á cal, en todo caso, se lle dará conta dos acordos adoptados polos concellos, para a súa anotación no Rexistro de Policías Locais de Galicia.

Capítulo II
Principios e funcións
Artigo 7.-Principios básicos de actuación.
Son principios básicos de actuación para os membros dos corpos de Policía local, de acordo co artigo 5 da Lei orgánica 2/1986:

a) Adecuación ao ordenamento xurídico, especialmente:
1.º) Exercer as súas funcións con absoluto respecto á Constitución, ao Estatuto de autonomía e ao resto do ordenamento xurídico.

2.º) Actuar, no cumprimento das súas funcións, con absoluta neutralidade política e imparcialidade e, en consecuencia, sen discriminación ningunha por razón de raza, etnia, nacionalidade, ideoloxía, relixión ou crenzas persoais, opinión, sexo, orientación sexual, lingua, lugar de veciñanza, lugar de nacemento ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

3.º) Actuar con integridade e dignidade, absténdose de todo acto de corrupción e opoñéndose a el resoltamente.

4.º) Suxeitarse, na súa actuación profesional, aos principios de xerarquía e subordinación. En ningún caso a obediencia debida poderá amparar ordes que entrañen a execución de actos que manifestamente constitúan delitos ou sexan contrarios á Constitución ou ás leis.

5.º) Colaborarán coa Administración de xustiza e auxiliarana nos termos establecidos na lei.

b) En relación coa sociedade, singularmente:
1.º) Impedir, no exercicio da súa actuación profesional, calquera práctica abusiva, arbitraria ou discriminatoria que entrañe violencia física ou moral, con especial atención ás derivadas das desigualdades por razón de xénero.

2.º) Observar en todo momento un trato correcto e esmerado nas súas relacións cos cidadáns, aos cales procurarán auxiliar e protexer, sempre que as circunstancias o aconsellen ou fosen requiridos para iso, en especial en todos os supostos e manifestacións de violencia de xénero, e proporcionarlles información cumprida, e tan ampla como sexa posible, sobre as causas e finalidade de todas as súas intervencións.

3.º) No exercicio das súas funcións, actuar coa decisión necesaria e sen demora cando diso dependa evitar un dano grave, inmediato ou irreparable, rexéndose, ao facelo, polos principios de congruencia, oportunidade e proporcionalidade na utilización dos medios ao seu alcance.

4.º) Usar armas só nas situacións en que exista un risco racionalmente grave para a súa vida, a súa integridade física ou as de terceiras persoas, ou naquelas circunstancias que poidan supor un grave risco para a seguridade cidadá, rexéndose, ao facelo, polos principios a que se refire o punto 3.º desta letra.

c) En relación co tratamento de detidos, especialmente:
1.º) Os membros dos corpos da Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia deberanse identificar debidamente como tales no momento de efectuar unha detención.

2.º) Velarán pola vida e a integridade física das persoas ás cales detivesen ou que se atopen baixo a súa custodia, respectando os seus dereitos, a súa honra e a súa dignidade.

3.º) Cumprirán e observarán coa debida dilixencia os trámites, prazos e requisitos exixidos polo ordenamento xurídico, cando se proceda á detención dunha persoa.

d) En canto á dedicación profesional, o deber de realizar as súas funcións con total dedicación. Intervirán sempre, en calquera tempo e lugar, estean ou non de servizo, en defensa da lei e da seguridade cidadá.

e) En relación co segredo profesional, o deber de gardar rigoroso segredo respecto de todas as informacións que coñezan por razón ou con ocasión do desempeño das súas funcións. Non estarán obrigados a revelar as fontes de información, salvo que llelo impoña o exercicio das súas funcións ou as disposicións legais.

f) Respecto da responsabilidade, serán responsables, persoal e directamente, polos actos que na súa actuación profesional levasen a cabo infrinxindo ou vulnerando as normas legais ou regulamentarias e os principios enunciados anteriormente, sen prexuízo da responsabilidade patrimonial que poida corresponder ás administracións públicas de que dependan.

Artigo 8.-Funcións dos corpos de Policía local.
1. De acordo co disposto no artigo 53 da Lei de forzas e corpos de seguridade, son funcións dos corpos da Policía local as que se indican:

a) Protexer as autoridades das corporacións locais e vixiar ou custodiar os seus edificios e instalacións.

b) Ordenar, regular, sinalizar, denunciar infraccións e dirixir o tráfico no ámbito da súa competencia no solo urbano legalmente delimitado, de acordo co establecido nas normas de tráfico e seguridade viaria.

c) Instruír atestados por accidentes de circulación no ámbito da súa competencia dentro do solo urbano legalmente delimitado.

d) Policía administrativa, no relativo ás ordenanzas, bandos e demais disposicións municipais dentro do ámbito da súa competencia.

e) Participar nas funcións da Policía xudicial, na forma establecida na normativa vixente.

f) A prestación de auxilio, nos casos de accidentes, catástrofe ou calamidade pública, participando, na forma prevista nas leis, en canto á execución dos plans de protección civil.

g) Efectuar dilixencias de prevención e cantas actuacións tendan a evitar a comisión de actos delituosos no marco de colaboración establecido nas xuntas de seguridade.

h) Vixiar os espazos públicos e colaborar coas forzas e corpos de seguridade do Estado e coa Policía de Galicia na protección das manifestacións e no mantemento da orde en grandes concentracións humanas, cando sexan requiridos para iso.

i) Cooperar na resolución dos conflitos privados cando sexan requiridos para iso.

j) Calquera outra función en materia de seguridade pública que, de acordo coa lexislación vixente, lles sexa encomendada.

2. As actuacións que practiquen os corpos de Policía local no exercicio das funcións previstas nas alíneas c) e g) deberán ser comunicadas ás forzas e corpos de seguridade do Estado e á Policía de Galicia segundo corresponda, de conformidade coa lexislación orgánica de forzas e corpos de seguridade.

3. En virtude de convenio entre a Xunta de Galicia e os concellos, no marco das competencias da Policía de Galicia, os corpos de Policía local tamén poderán exercer, dentro do seu termo municipal, as seguintes funcións:

a) Velar polo cumprimento das disposicións e ordes singulares ditadas polos órganos da comunidade autónoma, con especial atención ás materias relativas á protección do menor, o ambiente, a saúde e a muller, sobre todo no ámbito da violencia de xénero.

b) A vixilancia e protección de persoas, órganos, edificios, establecementos e dependencias da comunidade autónoma e dos seus entes instrumentais, garantindo o normal funcionamento das instalacións e a seguridade dos usuarios dos servizos.

c) A inspección das actividades sometidas á ordenación e disciplina da comunidade autónoma, denunciando toda actividade ilícita.

d) O uso da coacción para a execución forzosa dos actos ou disposicións da propia comunidade autónoma.

Capítulo III
Uniformidade, acreditación e medios técnicos
Artigo 9.-Uniformidade.
1. A uniformidade será común para todos os corpos de Policía local de Galicia e incorporará preceptivamente o escudo de Galicia, o do concello respectivo e o número de identificación profesional do funcionario.

2. Todos os membros dos corpos de Policía local vestirán o uniforme regulamentario cando estean de servizo, agás nos casos de dispensa previstos na Lei orgánica de corpos e forzas de seguridade e naqueles casos excepcionais en que o órgano competente autorice en contrario. Neste suposto deberanse identificar co documento de acreditación profesional.

3. O uso do uniforme e do material complementario está prohibido cando se atopen fóra de servizo, agás nos casos excepcionais que, legal ou regulamentariamente, se establezan.

4. Regulamentariamente estableceranse as pezas que constitúen o uniforme necesario para o desempeño das diferentes funcións.

5. Ningún Policía local uniformado poderá exhibir publicamente outros distintivos que non sexan os fixados regulamentariamente.

6. Para ocasións especiais, cando sexa necesario por motivos de protocolo, representación ou solemnidade, os membros dos corpos da Policía local poderán vestir o uniforme de gala que se determine regulamentariamente.

Artigo 10.-Acreditación profesional.
1. A acreditación profesional será común para todos os corpos e establecerase regulamentariamente.

2. Todos os membros dos corpos de Policía local de Galicia estarán provistos do documento de acreditación profesional e da placa-emblema, que expedirá o concello respectivo, segundo modelo homologado pola Xunta de Galicia, logo de informe da Comisión de Coordinación das Policías Locais.

Neste documento constará cando menos o nome do concello, o nome e os apelidos e a fotografía do funcionario, a súa categoría, o número de identificación profesional, que será o mesmo da placa-emblema, e o número do documento nacional de identidade, asinado polo alcalde respectivo e co selo do concello.

3. Terán a obriga de identificarse ante os cidadáns ou as cidadás que así o exixan, no caso das actuacións que os afectasen, directa ou indirectamente.

Artigo 11.-Medios técnicos.
1. Os medios técnicos son os elementos, aparellos e sistemas que os corpos da Policía local utilizan para poder cumprir coas súas obrigas. As administracións locais competentes teñen a obriga de proporcionárllelos. Estes medios técnicos serán homoxéneos para todos os corpos, segundo se estableza legal e regulamentariamente.

2. Os policías locais, como integrantes dun instituto armado, levarán o armamento regulamentario que se lles asigne, de acordo coa normativa vixente na materia de armamento.

3. O alcalde poderá decidir, de forma motivada, os servizos que se presten sen armas, sempre que non comporten un risco racionalmente grave para a vida ou a integridade física do funcionario ou de terceiras persoas. Non obstante, os servizos na vía pública e os de custodia prestaranse sempre con armas.

4. Co fin de garantir unha adecuada preparación no uso da arma, os concellos promoverán a realización do número anual de prácticas de exercicios de tiro que regulamentariamente se determine.

5. Os concellos deberán dispor de lugares adecuados para a custodia do armamento asignado, coas condicións que prevexa a normativa aplicable. Os membros dos corpos de Policía local, baixo a súa responsabilidade, poderán custodiar o armamento asignado.

6. Os vixilantes municipais e os auxiliares de policía non poderán levar armas.
TÍTULO III
Da coordinación das policías locais
Artigo 12.-Concepto.
1. Para os efectos desta lei, enténdese por coordinación o conxunto de técnicas e medidas que posibiliten a unificación dos criterios de organización e actuación, a formación e o perfeccionamento uniforme do persoal e a homoxeneización dos recursos técnicos e materiais ao seu dispor, así como o establecemento de información recíproca, asesoramento e colaboración. As ditas técnicas e medidas irán dirixidas a obter o funcionamento homoxéneo e integrado dos corpos de Policía local de Galicia, co obxectivo de acadar unha acción conxunta e eficaz no sistema de seguridade pública.

2. Nos concellos onde non exista corpo de Policía local, a coordinación farase extensiva aos vixilantes municipais.

Artigo 13.-Funcións en materia de coordinación.
A coordinación da actuación das policías locais de Galicia farase respectando a autonomía local recoñecida pola Constitución, así como as competencias estatais en materia de seguridade, e comprenderá o exercicio das seguintes funcións:

a) Determinar as normas marco ou criterios xerais a que se terán que axustar os regulamentos das policías locais de Galicia.

b) Establecer a homoxeneización en materia de medios técnicos e dos distintivos externos de identificación e uniformidade, respectando en todo caso os emblemas propios de cada entidade local.

c) Propiciar a homoxeneización en materia de retribucións.
d) Fixar os criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros dos corpos das policías locais, atendendo o disposto no capítulo I, título II (sobre o acceso ao emprego público galego), da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

e) Coordinar a formación profesional dos policías locais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública.

f) Propiciar a homoxeneización da estrutura, cadros de persoal, organización e funcionamento dos corpos da Policía local.

g) Fixar o réxime xurídico (dereitos, deberes e réxime disciplinario) dos membros dos corpos de Policía local no marco da normativa aplicable.

h) Proporcionarlles aos concellos que o soliciten a información e o asesoramento necesarios en materia de seguridade pública.

i) Dispor os instrumentos e medios materiais que posibiliten un sistema de información recíproca e de actuación conxunta e coordinada, nos termos que regulamentariamente se establezan.

j) Dispor os medios de información necesarios para garantir a efectividade da coordinación, mediante o establecemento dunha rede de transmisións que enlace os diferentes corpos da Policía local e mediante a creación dun centro de coordinación e dun banco de datos, nos termos que regulamentariamente se establezan.

k) Regular a colaboración eventual entre os diversos concellos co obxecto de atender as súas necesidades en situacións especiais ou extraordinarias.

l) Establecer plans conxuntos de actuación policial en previsión de circunstancias extraordinarias que así o requiran.

m) Calquera outra que legalmente se lles encomende.
Artigo 14.-Órganos de coordinación.
1. As competencias en materia de coordinación das policías locais serán exercidas:

a) Polo Consello da Xunta de Galicia.
b) Pola consellaría competente en materia de seguridade.
c) Pola Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia.
2. Sen prexuízo dos órganos citados, poderanse constituír outros con carácter asesor, de preparación ou de execución dos traballos que estes lles encomenden.

3. As funcións a que se refire esta lei realizaranse, en todo caso, tendo en conta as normas e os procedementos de colaboración entre as forzas e corpos de seguridade que se adopten no seo dos distintos órganos de coordinación, en especial nas xuntas locais de seguridade.

Artigo 15.-Competencias do Consello da Xunta de Galicia.
Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de seguridade, ditar as normas xerais de coordinación no marco desta lei, logo do informe da Comisión de Coordinación das Policías Locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16.-Competencias da consellaría competente en materia de seguridade.
Correspóndelle á consellaría competente en materia de seguridade:
a) Establecer as medidas de control e seguimento necesarias para garantir que os concellos apliquen as normas de coordinación, así como determinar o sistema de información que asegure a efectividade delas.

b) Aprobar a programación dos cursos básicos, de promoción interna e de formación que se desenvolvan na Academia Galega de Seguridade Pública.

c) Prestarlles aos concellos a asistencia necesaria para a elaboración dos plans municipais de seguridade, cando lle sexa solicitada por estes.

Artigo 17.-Competencias da Comisión de Coordinación das Policías Locais.
1. A Comisión de Coordinación das Policías Locais, como órgano consultivo e de participación en materia de coordinación, terá, entre outras, as seguintes funcións, que teñen carácter non vinculante para os órganos de resolución, excepto nos casos en que a lexislación aplicable o prevexa expresamente:

a) Emitir informe sobre os proxectos de disposicións xerais que, en materia de policía local, diten os distintos órganos da Xunta de Galicia e as corporacións locais.

b) Proporlles aos órganos competentes en materia de Policía local das distintas administracións públicas a adopción de cantas medidas considere oportunas para mellorar a prestación dos servizos policiais, a formación e o perfeccionamento uniforme do persoal e a homoxeneización dos recursos técnicos e materiais ao seu dispor.

c) Emitir informe sobre a homoxeneización en materia de medios técnicos e distintivos externos de identificación e uniformidade.

d) Emitir informe sobre criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das policías locais, atendendo o disposto no capítulo I, título II, da Lei 7/2004.

e) Emitir informes sobre materias de retribución económica e homoxeneización de retribucións.

f) Asesorar a consellaría competente nas materias obxecto de coordinación desta lei, cos informes técnicos que lle solicite, sobre a estrutura, organización, funcionamento e medios técnicos da Policía local, ou sobre calquera outra materia relacionada.

g) Emitir informe sobre a programación e homologación dos cursos básicos, de promoción interna e de formación que se realicen na Academia Galega de Seguridade Pública, para os efectos da oportuna aprobación pola consellaría competente.

h) Emitir informe sobre os plans municipais de seguridade pública.
i) As demais que lle atribúan as disposicións vixentes.
2. Os informes a que se refire a alínea anterior deste artigo non terán carácter vinculante para os órganos de resolución, excepto nos casos en que a lexislación aplicable o prevexa expresamente.

Artigo 18.-Composición da Comisión de Coordinación.
1. A Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia, adscrita á consellaría competente en materia de seguridade, estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidente: o/a conselleiro/a competente en materia de seguridade.
b) Vicepresidente: o/a director/a xeral con competencia en materia de seguridade.

c) Vogais:
1.º) Cinco representantes da Xunta de Galicia, designados polo conselleiro competente en materia de seguridade.

2.º) Cinco representantes dos concellos de máis de 50.000 habitantes.
3.º) Cinco representantes dos concellos de menos de 50.000 habitantes.
Os representantes dos concellos serán designados pola federación ou federacións de concellos galegos legalmente constituídas.

4.º) Catro representantes dos membros dos corpos das policías locais designados polos sindicatos máis representativos no sector da Administración local no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

5.º) Un representante dos membros dos corpos das policías locais designado pola asociación profesional de xefes dos corpos de Policía local que teña a maior representación deles.

d) Secretario: un funcionario da consellaría competente en materia de seguridade, con categoría mínima de xefe de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

2. O presidente da comisión poderá convocar, con voz e sen voto, ás reunións da dita comisión representantes doutras administracións públicas, para os efectos de facilitar as accións de coordinación, así como técnicos especialistas ou asesores.

3. A condición dos vogais representantes dos concellos e dos sindicatos policiais estará ligada á representatividade que se posúa, perdéndose ao desaparecer esta, polo que deberán ser designados novamente despois de cada proceso electoral, en función dos resultados. Esta circunstancia notificaráselle, no prazo dun mes, ao presidente da comisión, sen prexuízo de que se poida propor a súa substitución noutro momento e por outras razóns.

Artigo 19.-Réxime de funcionamento.
1. A comisión reunirase preceptivamente, con carácter ordinario, unha vez ao trimestre, e de forma extraordinaria por petición dun terzo dos seus membros ou por disposición do presidente.

2. O quórum necesario para a constitución válida da comisión será o de maioría absoluta dos seus membros en primeira convocatoria. En segunda convocatoria, que terá lugar media hora despois, será suficiente a asistencia dun vogal por cada representación, ademais do presidente ou vicepresidente (que o substituirá, se fose o caso) e do secretario.

3. Os acordos adoptaranse por maioría dos membros presentes. Cando nas votacións se produza un empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

4. No seo da comisión poderanse constituír grupos técnicos de traballo con carácter permanente ou puntual para un mellor desenvolvemento das súas funcións.

5. No primeiro trimestre de cada ano, a comisión elevará á Xunta de Galicia a memoria das actividades de coordinación realizadas durante o exercicio anterior.

6. A Comisión de Coordinación rexerase no seu funcionamento, no non previsto por esta lei, polo disposto no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Artigo 20.-Gabinete Técnico.
1. O Gabinete Técnico é o órgano adscrito á consellaría competente en materia de seguridade que intervirá preceptivamente na realización dos traballos de documentación, preparación, asesoramento, proposta e demais actividades que lle encomende a consellaría ou a Comisión de Coordinación.

2. A súa composición e réxime de funcionamento determinarase por orde do conselleiro competente nesta materia, a quen lle corresponde a facultade de dispor o nomeamento e mais o cesamento dos seus membros, de conformidade co previsto na normativa aplicable en materia de función pública.

Artigo 21.-O Rexistro das Policías Locais de Galicia.
1. Como instrumento á disposición da consellaría competente en materia de coordinación de policías locais para garantir o cumprimento das funcións de coordinación desenvolvidas nesta lei, crearase o Rexistro de membros dos corpos das policías locais de Galicia.

2. Nel inscribiranse preceptivamente todos os membros pertencentes aos corpos de Policía local e os vixilantes municipais.

3. Regulamentariamente determinarase a información que deberá figurar nel, referida exclusivamente aos datos profesionais, así como as cautelas necesarias para garantir a confidencialidade dos datos nos termos que establece a normativa vixente sobre a materia.

TÍTULO IV
Da creación, estrutura e organización
Artigo 22.-Creación do corpo de Policía local.
1. Os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia poderán crear corpos de Policía local propios, sempre que o consideren oportuno en función das súas necesidades, de acordo co previsto na Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade, na Lei reguladora das bases de réxime local, na Lei de Administración local de Galicia, nesta lei e noutras disposicións que sexan de aplicación.

2. Nos concellos de máis de 5.000 habitantes a creación deste corpo corresponderalle ao pleno da corporación. Nos concellos de poboación inferior a 5.000, ademais do acordo da corporación local, será necesario o informe preceptivo da persoa titular da consellaría competente en materia de seguridade.

3. Os municipios que creen o corpo de Policía local, con independencia doutras limitacións legais, deberán cumprir as seguintes condicións mínimas:

a) Dispor de dependencias específicas e adecuadas ás súas funcións, medios técnicos idóneos e suficiente dotación orzamentaria.

b) Dispor dos medios humanos e materiais necesarios para garantir a prestación das súas funcións de forma adecuada.

Artigo 23.-Organización.
A Policía local de cada concello integrarase nun corpo único, sen prexuízo da organización interna que se adopte por regulamento, axustándose ao establecido nesta lei e ás disposicións regulamentarias que a desenvolvan.

Artigo 24.-Escalas e categorías.
1. Os corpos de Policía local de Galicia estrutúranse xerarquicamente nas seguintes escalas e categorías:

a) Escala superior, que comprende a categoría de superintendente.
b) Escala técnica, que comprende as categorías de intendente principal e intendente.

c) Escala executiva, que comprende as categorías de inspector principal e inspector.

d) Escala básica, que comprende a categoría de oficial e policía.
2. Cada escala corresponde cos seguintes grupos de clasificación:
a) As escalas superior e técnica, grupo A.
b) A escala executiva, grupo B.
c) A escala básica, grupo C.
3. A titulación exixible para cada grupo será a establecida na lexislación xeral sobre función pública e, en particular, a seguinte:

a) Grupo A: doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalentes.
b) Grupo B: diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalentes.

c) Grupo C: bacharelato, técnico superior de formación profesional ou equivalentes.

Artigo 25.-Funcións.
1. Sen prexuízo doutras funcións que se lles atribúan, de acordo coas disposicións vixentes, corresponderalles aos funcionarios de cada escala, con carácter xeral, as seguintes:

a) Escala superior: a organización, dirección, coordinación e supervisión das distintas unidades e servizos do corpo.

b) Escala técnica: a responsabilidade inmediata na planificación e execución dos servizos.

c) Escala executiva: o mando operativo e a supervisión das tarefas executivas das unidades ao seu cargo.

d) Escala básica: o cumprimento das funcións policiais propias do servizo. A realización de funcións planificadas polos seus superiores.

2. Corresponderanlle, en todo caso, ao xefe do corpo as funcións atribuídas á escala superior, que se deberán adecuar ás particularidades de organización e dimensionamento do cadro de persoal respectivo.

Artigo 26.-Subescala facultativa.
1. Os concellos poderán crear a subescala facultativa, á cal lle corresponderá desempeñar tarefas de cobertura e apoio ás funcións policiais nas especialidades que se consideren oportunas, segundo as súas peculiaridades propias de organización e funcionamento.

2. A provisión destas prazas, nas diferentes categorías sinaladas no parágrafo 1 do artigo 24, producirase polo sistema de oposición libre, exixíndose como requisitos de acceso, ademais dos xenéricos para cada categoría, estar en posesión da titulación académica ou profesional exixible en cada caso.

Ademais, os aspirantes que superen a oposición seguirán un curso na Academia Galega de Seguridade Pública, coa duración e contido que regulamentariamente se determine e, que en todo caso, terá por obxecto o coñecemento da estrutura, funcións e réxime estatutario dos corpos de Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a adecuación dos coñecementos propios da especialidade de que se trate ás necesidades da función policial.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en cada convocatoria reservarase ata un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para a súa provisión polo sistema de concurso-oposición entre os membros dos corpos da Policía local de Galicia, sempre que conten coa titulación necesaria e cunha experiencia de polo menos cinco anos no exercicio da función policial.

Neste caso, os aspirantes que superen o concurso-oposición seguirán un curso na Academia Galega de Seguridade Pública, coa duración e contido que regulamentariamente se determine e que, en todo caso, terá por obxecto a adecuación dos coñecementos propios da especialidade de que se trate ás necesidades da función policial.

Artigo 27.-Xefe do corpo de Policía local.
1. O nomeamento do xefe do corpo de Policía local será efectuado polo alcalde polo sistema de libre designación, de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, tras a convocatoria pública en que poderán participar funcionarios de carreira que teñan a máxima categoría do cadro de persoal do corpo de Policía do concello, ou entre funcionarios de carreira dos corpos de Policía local doutros concellos da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Policía de Galicia, sempre e cando pertenzan a unha categoría igual á da praza que se vai proceder a cubrir e cumpran os requisitos do posto de traballo.

2. O posto de xefatura exerce a máxima responsabilidade na Policía local e ten o mando inmediato sobre todas as unidades, seccións e servizos en que se organiza o corpo, baixo a superior autoridade do alcalde ou do concelleiro en quen delegue.

3. Correspóndelle ao xefe do corpo:
a) Transformar en ordes concretas as directrices recibidas do alcalde ou do membro da corporación en quen aquel delegue.

b) Dirixir, coordinar e supervisar os servizos operativos do corpo, así como as actividades administrativas relacionadas directamente coas súas funcións, para asegurar a súa eficacia.

c) Avaliar as necesidades de recursos humanos e materiais e formular as correspondentes propostas.

d) Informar ao alcalde, ou o cargo en quen este delegue, do funcionamento do servizo e do cumprimento dos obxectivos e ordes recibidas.

e) Cumprir calquera outra función que lle atribúa o regulamento do corpo da Policía local.

4. Nos casos de ausencia ou enfermidade do funcionario titular, o alcalde poderao substituír por outro funcionario do corpo da mesma categoría ou, se non o hai, da inmediata inferior, atendendo os criterios de mérito e capacidade. Esta substitución será sempre temporal.

5. No caso de vacante, o alcalde cubrirá o posto de forma inmediata polo procedemento anterior e, en todo caso, no prazo máximo de doce meses publicará a convocatoria pública do posto.

Artigo 28.-Creación de categorías.
1. Non se poderá crear unha categoría sen que existan todas as inferiores e non poderá haber na estrutura de cada escala tres ou máis postos da mesma categoría sen que exista a inmediata superior, aínda que esta estea composta por un só integrante.

2. A categoría de superintendente poderase crear nos concellos de poboación superior a 75.000 habitantes e, así mesmo, nos de inferior poboación se o número de membros excede os 150, sendo obrigatoria nos concellos de máis de 150.000 habitantes ou que conten con máis de 200 efectivos no seu cadro de persoal.

3. A categoría de intendente principal poderase crear nos concellos de poboación superior a 50.000 habitantes e, así mesmo, nos de inferior poboación se o número de membros do corpo excede os 100, sendo obrigatoria nos concellos de máis de 75.000 habitantes ou que conten con máis de 150 efectivos no seu cadro de persoal.

4. A categoría de intendente poderase crear nos concellos de poboación superior a 25.000 habitantes e nos de inferior poboación se o número de membros do corpo excede os 50, sendo obrigatoria nos concellos con máis de 50.000 habitantes ou que conten con máis de 100 efectivos no seu cadro de persoal.

5. A categoría de inspector principal poderase crear nos concellos de poboación superior a 15.000 habitantes e nos de inferior poboación se o número de membros do corpo excede os 25, sendo obrigatoria nos concellos con máis de 25.000 habitantes ou que conten con máis de 50 efectivos no seu cadro de persoal.

6. A categoría de inspector poderase crear nos concellos de poboación superior a 10.000 habitantes e nos de inferior poboación se o número de membros do corpo excede os 10, sendo obrigatoria nos concellos con máis de 15.000 habitantes ou que conten con máis de 25 efectivos no seu cadro de persoal.

7. As categorías de oficial e policía serán obrigatorias cando estea creado o respectivo corpo de Policía local.

Artigo 29.-Cadros de persoal.
1. Correspóndelle a cada concello aprobar o cadro de persoal do respectivo corpo de Policía local, no cal se integrarán todos os postos de traballo correspondentes a cada escala e categorías previstas nesta lei, coa determinación dos niveis respectivos.

2. A aprobación dos cadros de persoal seralle comunicada á consellaría competente en materia de seguridade.

Artigo 30.-Número mínimo de membros.
1. O número mínimo de efectivos con que contarán os corpos de Policía local será de dous policías e un oficial.

2. O número máximo de vixilantes municipais que poderán ter os concellos que non teñan creado o corpo de Policía local será de dous.

Artigo 31.-Dispensa de requisitos.
A consellaría competente en materia de seguridade, con carácter excepcional, poderá dispensar dos requisitos mínimos recollidos nos artigos anteriores, en canto á estrutura do respectivo corpo de Policía local, aqueles concellos que o solicitasen e xustificasen a imposibilidade do seu cumprimento, tras o informe da Comisión de Coordinación das Policías Locais.

TÍTULO V
Selección, promoción, mobilidade e formación
Capítulo I
Ingreso, promoción e mobilidade
Artigo 32.-Principios do sistema de selección.
1. Os sistemas de selección para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de Policía local serán os de oposición libre, concurso ou concurso-oposición e rexeranse polas bases da respectiva convocatoria, que, ao igual que a provisión de postos de traballo, respectarán os principios de libre concorrencia, igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade do proceso selectivo.

A este respecto será de aplicación o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para igualdade de mulleres e homes.

2. As convocatorias publicaranse no boletín oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, e vinculan a administración, os tribunais que avalíen as probas selectivas e os que tomen parte nelas.

3. As probas selectivas para ingresar nas escalas e categorías dos corpos da Policía local de Galicia son de carácter teórico e práctico e poden incluír probas de capacidade física, psicotécnicas, médicas e de coñecementos, que se fixarán nas bases da convocatoria. Así mesmo, deberase demostrar o coñecemento do idioma galego.

4. Por vía regulamentaria fixaranse os programas dos temarios para o ingreso na categoría de policía, os baremos dos concursos de méritos e os programas dos cursos selectivos que se desenvolvan na Academia Galega de Seguridade Pública.

5. Os concellos poderanlle solicitar á consellaría competente en materia de seguridade a colaboración na realización das probas de selección para o ingreso, ascenso ou promoción aos corpos de Policía local na forma que regulamentariamente se estableza.

6. Así mesmo, a Xunta de Galicia poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración.

Artigo 33.-Requisitos para o ingreso.
1. Ademais de estar en posesión da titulación requirida en cada caso, os requisitos de ingreso nos corpos da Policía local de Galicia serán os establecidos con carácter xeral para o ingreso na Administración local e aqueloutros relacionados co carácter específico deste corpo, os cales se determinarán regulamentariamente.

2. En todo caso, para o ingreso na categoría de policía requirirase non ter cumpridos os 36 anos, salvo cando o acceso se produza desde outros corpos policiais locais de Galicia; neste caso deberán faltar máis de doce anos para pasar á situación de segunda actividade con destino por razón de idade.

3. As probas selectivas de ingreso nas categorías de policía e inspector serán de carácter teórico e práctico e nelas incluirase, en todo caso, un recoñecemento médico, un exame psicotécnico, probas de aptitude física e probas de capacitación de coñecementos, tanto xerais como específicos, en materias relacionadas co exercicio profesional, así como a demostración do coñecemento da lingua galega.

Artigo 34.-Tribunais de selección.
1. Os tribunais de oposición e órganos similares de selección serán designados polo alcalde correspondente.

2. Estarán constituídos por cinco membros titulares e cinco suplentes.
3. A totalidade dos vogais deberá posuír un nivel de titulación igual ou superior ao exixido para o acceso á categoría da que se trate.

4. A súa composición será a seguinte:
a) Presidente: o alcalde ou alcaldesa do concello convocante ou o concelleiro ou concelleira en quen delegue.

b) Tres vogais con coñecementos técnicos designados polo alcalde:
1.º) Un proposto pola Academia Galega de Seguridade Pública, en representación da Xunta de Galicia.

2.º) Outro proposto polos sindicatos existentes na xunta de persoal do concello.
3.º) O terceiro vogal, que deberá ser técnico na materia, por proposta do alcalde.

c) Secretario: un funcionario do concello convocante con habilitación de carácter nacional.

Artigo 35.-Ingreso na categoría de policía.
1. O ingreso na categoría de policía realízase polo sistema de oposición libre.
2. O modo de ingreso por oposición libre require, ademais da superación das probas selectivas que estableza a convocatoria, aprobar un curso de formación na Academia Galega de Seguridade Pública e superar un período de prácticas. A avaliación do curso de formación e o período de prácticas debe restrinxirse aos méritos e ás capacidades profesionais.

3. Unha vez superadas as probas selectivas, o curso de formación e o período de prácticas, os aspirantes serán nomeados funcionarios de carreira da escala e categoría correspondente.

4. Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase como mínimo un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da comunidade autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de cinco anos.

Artigo 36.-Funcionarios en prácticas.
1. Durante o curso de formación e o período de prácticas, os aspirantes que non procedan doutros corpos de seguridade da Comunidade Autónoma terán a consideración de funcionarios en prácticas. Durante este período os aspirantes percibirán as retribucións que lles correspondan de acordo coa lexislación vixente. O nomeamento como funcionario de carreira efectuarase unicamente tras a superación do curso e do período de prácticas, de acordo co que se estableza na correspondente convocatoria.

2. Con independencia da proba de recoñecemento médico que poida establecer a dita convocatoria, en calquera momento anterior a seren nomeados funcionarios de carreira os aspirantes poderán ser sometidos ás probas médicas que sexan precisas para comprobar a súa idoneidade, de acordo co cadro de exclusións médicas que se determinará regulamentariamente. Se das probas practicadas se deduce a existencia dalgunha delas, o órgano responsable poderá propor a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo. No dito caso, correspóndelle ao órgano competente para efectuar o nomeamento adoptar a resolución que proceda, sen que en ningún caso se teña dereito a indemnización.

3. Malia o disposto no punto anterior, se a causa de exclusión a que se fai referencia no punto anterior sobreveu como consecuencia de lesións sufridas no exercicio dos seus labores como funcionario en prácticas, o órgano responsable proporalle o seu nomeamento como funcionario de carreira ao órgano competente. En tal caso, debe asignárselle ao citado funcionario un posto de traballo axeitado ás súas capacidades.

Artigo 37.-Acceso á categoría de oficial.
O acceso á categoría de oficial realizarase:
a) Por promoción interna, mediante concurso-oposición, entre membros do corpo que teñan un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de policía.

b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase, como mínimo, un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da comunidade autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de cinco anos.

Artigo 38.-Acceso á categoría de inspector.
O acceso á categoría de inspector realizarase:
a) Por promoción interna, mediante concurso-oposición, entre membros do corpo que teñan un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de oficial.

b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase como mínimo un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da comunidade autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de cinco anos.

Artigo 39.-Acceso á categoría de inspector principal.
O acceso á categoría de inspector principal realizarase:
a) Por promoción interna, mediante concurso-oposición, entre membros do corpo que teñan un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de inspector.

b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase como mínimo un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da comunidade autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de cinco anos.

Artigo 40.-Acceso á categoría de intendente.
O acceso á categoría de intendente realizarase:
a) Por promoción interna, mediante concurso-oposición, entre membros do corpo que teñan un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de inspector principal.

b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase como mínimo un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da comunidade autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de cinco anos.

Artigo 41.-Acceso á categoría de intendente principal.
O acceso á categoría de intendente principal realizarase:
a) Por promoción interna, mediante concurso, entre membros do corpo que teñan un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de intendente.

b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase como mínimo un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da comunidade autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de cinco anos.

Artigo 42.-Acceso á categoría de superintendente.
O acceso á categoría de superintendente realizarase:
a) Por promoción interna, mediante concurso, entre membros do corpo que teñan un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de intendente principal.

b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase como mínimo un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da comunidade autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de tres anos.

Artigo 43.-Garantía da mobilidade.
Para garantir o dereito á mobilidade dos membros dos corpos de Policía local de Galicia, reflectido nos artigos 35 e 37 a 42, cando non fose posible cubrir as vacantes coas porcentaxes sinaladas, as fraccións sobrantes acumularanse á seguinte ou seguintes convocatorias.

Artigo 44.-Permutas.
Os alcaldes, logo do informe dos respectivos xefes da Policía local, poderán autorizar a permuta de destinos entre os membros correspondentes dos corpos de Policía local ou axentes de policía en activo que sirvan en diferentes concellos, sempre e cando cumpran os seguintes requisitos:

a) Que ambos sexan funcionarios dos corpos de Policía local.
b) Que pertenzan á mesma escala e categoría.
c) Que teñan dez anos ininterrompidos de servizo activo e cun número de anos de servizo que non difira entre si en máis de dez anos.

d) Que falten como mínimo cinco anos para cumprir a idade para o pase á situación de segunda actividade con destino por razón de idade.

e) Que a ningún dos solicitantes se lle estea incoando un expediente disciplinario.

f) Non se poderá solicitar unha nova permuta por parte de ningún dos permutantes ata que transcorran cinco anos desde a obtención dunha anterior.

Capítulo II
A formación
Artigo 45.-Formación e capacitación profesional.
1. Os membros dos corpos da Policía local de Galicia recibirán unha formación e capacitación profesional con carácter permanente que garanta o axeitado cumprimento das súas funcións e asegure o mantemento e a mellora das súas aptitudes e capacidade profesional, que comprenda necesariamente cursos de formación en igualdade de xénero e sobre a violencia contra as mulleres.

2. A Academia Galega de Seguridade Pública elaborará un plan de carreira profesional que inclúa os cursos de ingreso, perfeccionamento, especialización e promoción dos membros dos corpos da Policía local de Galicia. Se é o caso, para conseguir axeitadamente tales obxectivos, a academia pode subscribir acordos ou convenios con institucións análogas ou doutra natureza.

3. A Academia Galega de Seguridade Pública procurará a validación, pola administración competente, dos cursos que se impartan nos seus centros e validará, pola súa vez, aqueles que fosen superados noutros centros oficiais, na forma que se determine regulamentariamente.

Artigo 46.-Cursos.
1. A duración e o contido dos cursos e programas formativos determinaranse regulamentariamente.

2. A asistencia por parte dos membros das policías locais a cursos de formación e capacitación profesional deberá ser autorizada polo alcalde, quen só poderá denegar a solicitude de forma motivada e por exixencia do servizo público.

3. Durante a súa estadía na Academia Galega de Seguridade Pública, os alumnos estarán suxeitos a esta lei e ao regulamento de funcionamento desta institución.

TÍTULO VI
Do réxime estatutario
Capítulo I
Dereitos e deberes
Artigo 47.-Principios xerais.
1. Os membros dos corpos da Policía local de Galicia e os vixilantes municipais teñen os dereitos e deberes que lles corresponden como funcionarios da administración do concello a que pertenzan, no marco da especificidade da súa función, de acordo coa lexislación vixente.

2. Os concellos protexerán os funcionarios dos corpos de Policía local no exercicio das súas funcións e outorgaranlles a consideración social debida á súa xerarquía e á dignidade do servizo policial.

Artigo 48.-Retribucións.
1. Os funcionarios dos corpos da Policía local terán dereito a unha remuneración xusta, que abranguerá as retribucións básicas e as complementarias no marco da lexislación da función pública de Galicia.

2. As retribucións básicas terán idéntica contía para todos os membros dun mesmo grupo.

3. As retribucións complementarias fixaranse regulamentariamente, dentro dos límites fixados pola lexislación vixente, de acordo cos seguintes criterios:

a) Nivel de formación.
b) Réxime de incompatibilidades.
c) Mobilidade por razón de servizo.

d) Dedicación.
e) Risco que comporta a súa misión.
f) Especificidade dos horarios de traballo.
g) Peculiar estrutura.
Artigo 49.-Seguridade Social.
Os funcionarios dos corpos da Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia están acollidos ao réxime xeral da Seguridade Social, sen prexuízo doutros réximes que lles sexan de aplicación e que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 50.-Saúde e seguridade laboral.
Así mesmo, terán dereito á promoción da seguridade e á saúde no desenvolvemento da súa función e á prevención de riscos laborais nos termos que estableza a lexislación específica para o ámbito das funcións públicas de policía e seguridade.

Artigo 51.-Asistencia xurídica.
1. Os membros dos corpos da Policía local recibirán asesoramento xurídico naquelas situacións derivadas do servizo en que o precisen.

2. Así mesmo, terán dereito a ser representados e defendidos polos profesionais designados polo concello de que dependen, e a cargo deste, en todas as actuacións xudiciais en que se lles exixan responsabilidades por feitos cometidos no exercicio das súas funcións. En ningún caso terá dereito á asistencia xurídica o funcionario que incorrese en dolo, neglixencia grave ou abuso de funcións.

Artigo 52.-Dereitos sindicais.
Para a representación, defensa e promoción dos seus intereses profesionais, económicos e sociais, os funcionarios dos corpos da Policía local de Galicia poderanse integrar libremente nas organizacións sindicais, separarse delas e constituír outras organizacións, de acordo co marco legal aplicable.

Artigo 53.-Limitación do dereito de folga.
Os funcionarios dos corpos da Policía local, de acordo co establecido pola lexislación orgánica de forzas e corpos de seguridade, non poderán exercer en ningún caso o dereito de folga nin accións substitutivas deste ou concertadas co fin de alterar o normal funcionamento dos servizos.

Artigo 54.-Deber de residencia.
1. Os membros dos corpos da Policía local poderán residir fóra da localidade onde traballan, exceptuados os casos en que por razón do servizo sexa necesario o deber de residencia na propia localidade.

2. Sen prexuízo do que se establece no número 1, determinarase regulamentariamente a distancia máxima en quilómetros, respecto da localidade de destino, a que están obrigados a residir os membros dos corpos da Policía local.

Artigo 55.-Xornada laboral e horario.
1. Os membros dos corpos da Policía local cumprirán estritamente a xornada e o horario de traballo que determine o órgano competente.

2. En situacións excepcionais, cando se produzan feitos ou emerxencias que así o exixan, os funcionarios poderán ser requiridos para o servizo fóra da súa xornada de traballo.

3. No caso de que as necesidades extraordinarias do servizo obrigasen a prolongar a súa prestación, terán que cumprirse as ordes referidas ao respecto, sen prexuízo da compensación que proceda polo exceso de xornada realizado na forma que se determine regulamentariamente.

Artigo 56.-Revisións médicas.
Os membros dos corpos da Policía local teñen dereito a unha revisión médica anual.

Regulamentariamente determinaranse as probas médicas que se deban incluír na revisión anual.

Artigo 57.-Medios e instalacións.
Os membros dos corpos da Policía local disporán dos medios e das instalacións apropiados para o cumprimento das súas funcións e para a atención adecuada á cidadanía.

Artigo 58.-Incompatibilidades.
Os membros dos corpos da Policía local non poderán exercer ningunha outra actividade pública ou privada, agás as exceptuadas no réxime xeral de incompatibilidades.

Artigo 59.-Consumo de drogas, estupefacientes e substancias psicotrópicas.
1. Os membros dos corpos da Policía local non poderán consumir bebidas alcohólicas nin calquera outra droga tóxica, estupefaciente ou substancia psicotrópica mentres estean de servizo ou se atopen nalgunha dependencia policial. Tampouco poderán estar de servizo baixo a influencia de calquera destas substancias.

2. Para verificar que un funcionario policial está baixo os efectos do alcohol ou dalgunha das substancias sinaladas no número anterior, poderanse realizar probas técnicas de comprobación. Tales probas deberán ser ordenadas de forma expresa polo superior responsable.

3. Co fin de adecuar o réxime dos servizos que se lles asignen, os funcionarios que estean baixo tratamento médico con algunha das substancias mencionadas estarán obrigados a advertilo, por escrito e cos oportunos informes médicos.

Capítulo II
Situacións administrativas e xubilación
Artigo 60.-Situacións administrativas.
1. Os funcionarios dos corpos da Policía local de Galicia poderanse atopar, ademais de nas situacións recollidas na lexislación básica da función pública, na situación administrativa de segunda actividade.

2. As devanditas situacións rexeranse polo disposto nesta lei e nas normas que a desenvolvan e, supletoriamente, polo previsto na lexislación vixente en materia de función pública.

Artigo 61.-Idade de xubilación.
A xubilación forzosa dos membros dos corpos da Policía local de Galicia declararase de oficio ao cumprir o funcionario os 65 anos de idade.

Capítulo III
Segunda actividade
Artigo 62.-Segunda actividade.
A segunda actividade é unha situación administrativa especial que ten como obxecto garantir unha axeitada aptitude psicofísica dos integrantes dos corpos da Policía local de Galicia mentres permanezan en servizo activo, asegurando a eficacia do servizo.

Artigo 63.-Causas.
1. Poderase pasar á segunda actividade por:
a) Cumprimento das idades que se determinan para cada escala.
b) Diminución das condicións psicofísicas para o desempeño da función policial.
c) Embarazo e lactación.
2. Na situación de segunda actividade permanecerase ata o pase á xubilación ou a outra situación que non poderá ser a de servizo activo, salvo que a causa do pase á situación de segunda actividade fose por embarazo, lactación ou insuficiencia das aptitudes psicofísicas e que tales circunstancias desaparecesen. No suposto de diminución das condicións psicofísicas será o tribunal médico a que se refire o artigo 73 desta lei o que aprecie que tal insuficiencia desapareceu.

Artigo 64.-Por razón de idade.
1. O pase á segunda actividade por idade terá lugar ao cumprirse as seguintes idades:

a) Escala superior e técnica: aos 62 anos de idade.
b) Escala executiva: aos 60 anos de idade.
c) Escala básica: aos 58 anos de idade.
2. Logo de escoitar á xunta de persoal, o concello, motivadamente, co fin de optimizar os seus recursos, e tras o informe á consellaría competente en materia de seguridade, poderá limitar por cada ano natural e categoría o número de funcionarios que poidan acceder á situación de segunda actividade por razón de idade, prorrogando a permanencia no servizo activo dos que, na orde inversa á data na que cumpran a idade, excedan da cota así fixada.

3. Así mesmo, o concello, tras a comunicación á consellaría competente en materia de seguridade, poderá aprazar o pase á situación de segunda actividade, por sucesivos períodos dun ano, cando exista solicitude expresa do interesado, e sempre que medie informe favorable do tribunal médico, constituído segundo o establecido no artigo 73 desta lei.

Artigo 65.-Por diminución de aptitudes psicofísicas.
1. Pasarán á situación de segunda actividade, sen a limitación das idades determinadas no artigo anterior, aqueles funcionarios dos corpos da Policía local que teñan diminuídas as aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais necesarias para o desempeño da función policial, ben por incapacidade temporal ou doutro tipo, e sempre que non constitúan causa de incapacidade permanente. O dito procedemento poderase iniciar de oficio ou por solicitude do interesado.

2. A avaliación da diminución deberá ser ditaminada polo tribunal médico a que se refire o artigo 73 desta lei.

3. Poderase acordar, de oficio ou por solicitude do interesado, o reingreso no servizo activo no caso de que desaparecesen as causas que motivaron a diminución de aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais, tras o ditame médico.

4. No caso de que o pase á segunda actividade sexa motivado por accidente laboral ou enfermidade profesional, o funcionario percibirá o cen por cento das retribucións que viña percibindo no momento de se producir o feito causante do referido pase.

Artigo 66.-Cadro de aptitudes.
Regulamentariamente establecerase, para cada escala, o cadro de causas de diminución das aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais que orixinen o pase á situación de segunda actividade.

Artigo 67.-Por razón de embarazo ou lactación.
1. As funcionarias dos corpos de Policía local poderán solicitar o pase á segunda actividade no destino máis acorde coa situación do seu embarazo, tras o informe facultativo que o acredite.

2. Igualmente poden permanecer na segunda actividade durante o período de lactación, logo da solicitude e sempre que, segundo o informe facultativo, as condicións do seu posto habitual de traballo non sexan as máis axeitadas á súa situación.

Artigo 68.-Razóns excepcionais.
O alcalde poderá requirir, motivadamente, dándolle conta ao responsable da consellaría en materia de seguridade, os funcionarios dos corpos da Policía local en situación de segunda actividade para o cumprimento de funcións policiais, cando concorran razóns excepcionais de seguridade cidadá que regulamentariamente se determinarán.

Artigo 69.-Postos de traballo.
A situación administrativa de segunda actividade declararase con indicación de destino. Aos funcionarios que pasen á dita situación asignaránselles postos de traballo desta natureza, ben dentro do mesmo corpo policial ou ben noutro posto do concello, que se corresponda coa categoría que se teña, preferentemente na área de seguridade e axeitado á súa experiencia e capacidade.

Artigo 70.-Catálogo de postos de traballo.
1. O catálogo de postos de traballo de segunda actividade precisará os que poden ser cubertos con persoal nesta situación.

2. O catálogo determinará para cada posto a función, o horario, a situación, o perfil necesario, a formación axeitada e calquera outra circunstancia axeitada. Estas definicións poderanse cambiar e adaptar en función das necesidades.

3. O catálogo de postos de traballo de segunda actividade aprobarase coa relación de postos de traballo do concello.

Artigo 71.-Retribucións na segunda actividade.
1. O pase á segunda actividade non suporá diminución das retribucións básicas e complementarias fixas e periódicas.

2. O tempo de permanencia na situación de segunda actividade é computable para os efectos de perfeccionamento de trienios e de dereitos pasivos.

Artigo 72.-Réxime xurídico.
1. O pase á situación de segunda actividade non comportará a perda da condición de axente da autoridade.

2. Os funcionarios en situación de segunda actividade estarán suxeitos a idéntico réxime disciplinario e de incompatibilidade que no servizo activo, agás que desempeñen postos de traballo distintos aos dos corpos de Policía local. Neste caso estarán sometidos ao réxime xeral disciplinario dos funcionarios da Administración local ou ao específico de aplicación ao posto que ocupen.

3. Na situación de segunda actividade non se poderá participar en procedementos de promoción interna ou concursos de traslados, agás cando se accedese por causa de embarazo ou lactación.

Artigo 73.-Tribunal médico.
1. Regulamentariamente determinarase a composición dos tribunais médicos que ditaminarán se as afeccións ou enfermidades físicas ou psíquicas están incursas ou non no cadro de incompatibilidades médicas para a prestación do servizo ordinario.

2. O tribunal emitirá un ditame médico e dirixirallo ao órgano competente para a súa resolución, no cal proporá o pase á segunda actividade ou que se tramite o correspondente expediente de incapacidade ou, se procede, de xubilación forzosa.

Capítulo IV
Distincións e recompensas
Artigo 74.-Distincións e recompensas.
1. Os membros dos corpos de Policía local de Galicia poden ser distinguidos ou recompensados de acordo co que se determine regulamentariamente.

2. Todas as distincións e as recompensas outorgadas aos membros dos corpos de Policía local de Galicia constarán nos seus expedientes persoais e valoraranse como mérito nos concursos de provisión de postos de traballo. Tamén se poderán ter en conta nos procesos de provisión polo sistema de libre designación.

TÍTULO VII
Do réxime disciplinario
Artigo 75.-Disposicións xerais.
1. O réxime disciplinario dos corpos da Policía local, sen prexuízo da observancia das garantías recoñecidas no ordenamento xurídico, inspirarase nos principios básicos de actuación que se establecen no capítulo II do título II desta lei.

2. Sen prexuízo das responsabilidades civís e penais que puidesen proceder, o réxime disciplinario aplicable aos membros dos corpos da Policía local será o que se establece nesta lei e, no seu defecto, na lexislación vixente en materia de función pública.

Artigo 76.-Ámbito de aplicación.
1. Esta lei é de aplicación aos funcionarios dos corpos da Policía local, calquera que sexa a situación administrativa en que se atopen, sempre que a falta cometida sexa compatible, atendidas as circunstancias, coa dita situación.

2. Os funcionarios en prácticas someteranse ás normas de réxime disciplinario que se establezan regulamentariamente.

Artigo 77.-Suxeitos responsables.
1. Os funcionarios dos corpos da Policía local poden incorrer en responsabilidade disciplinaria pola comisión das faltas que se tipifican neste capítulo, desde o momento da toma de posesión ata o da xubilación ou a perda da condición de funcionario.

2. Incorrerán na mesma responsabilidade que os autores dunha falta os que induzan á súa comisión e os xefes que a toleren.

3. Así mesmo, incorrerán en falta de inferior grao os que encubrisen a comisión dunha falta moi grave ou grave. Debe de entenderse por encubrimento o feito de non lle dar conta ao superior xerárquico competente, de xeito inmediato e por escrito, dos feitos constitutivos de falta dos cales se teña coñecemento, agás cando sexa este o presunto infractor; neste caso a comunicación efectuarase ao seu superior inmediato.

Artigo 78.-Clases de faltas.
As faltas que poden cometer os membros dos corpos da Policía local poderán ser leves, graves e moi graves.

Artigo 79.-Faltas moi graves.
Consideraranse faltas moi graves:
a) O incumprimento do deber de fidelidade á Constitución e ao Estatuto de autonomía no exercicio das súas funcións.

b) Ser condenado, en virtude de sentenza firme, a pena privativa de liberdade, como autor dunha conduta constitutiva de delito doloso relacionada co servizo ou que cause grave dano á administración ou aos administrados.

c) O acoso moral e o acoso sexual.
d) O abuso de atribucións que cause grave dano aos cidadáns, aos subordinados ou á administración, e a práctica de tratos inhumanos, degradantes, discriminatorios ou vexatorios ás persoas que se atopen baixo a súa custodia.

e) A insubordinación, individual ou colectiva, respecto das autoridades ou mandos de que dependan.

f) A non prestación de auxilio con urxencia naqueles feitos ou circunstancias graves en que sexa obrigada a súa actuación.

g) O abandono do servizo.
h) A publicación ou a utilización indebida de segredos declarados oficiais ou cualificados como tales.

i) A violación do segredo profesional e a falta do debido sixilo respecto dos asuntos que coñezan por razón do seu cargo, sempre que prexudique o desenvolvemento do labor policial, cause prexuízo á administración, aos detidos e investigados ou a calquera outra persoa afectada pola investigación policial ou se utilice o dito coñecemento no proveito do propio funcionario.

j) A realización de actividades declaradas incompatibles legalmente, cando estas comprometan a imparcialidade ou independencia.

k) A participación en folgas, en accións substitutivas delas ou en actuacións concertadas co fin de alterar o normal funcionamento dos servizos.

l) Incorrer en falta grave cando o funcionario fose sancionado anteriormente, en virtude de resolucións firmes, por outras tres faltas de carácter grave ou moi grave, cometidas no período dun ano inmediatamente anterior á comisión da nova infracción.

m) A falta de colaboración manifesta cos membros do corpo da Policía local e demais membros dos corpos de Policía local así como cos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, cando resulte prexudicado gravemente o servizo ou deriven consecuencias graves para a seguridade cidadá.

n) Embriagarse ou consumir drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas durante o servizo ou sempre que prexudique a súa prestación.

ñ) Toda actuación que supoña discriminación por razón de ideoloxía, relixión ou crenzas, situación familiar, pertenza a etnia ou raza, orixe nacional, idioma, sexo, orientación sexual, xénero, enfermidade, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

o) A obstaculización grave ao exercicio das liberdades públicas e dereitos sindicais.

p) Así mesmo, son faltas moi graves, para os efectos do establecido na Lei orgánica 4/1997, do 4 de agosto, pola que se regula a utilización de videocámaras polas forzas e corpos de seguridade en lugares públicos:

1.º) A alteración ou manipulación de imaxes e sons gravados, sempre e cando non constitúan delito.

2.º) A cesión, transmisión e revelación a terceiras persoas non autorizadas, por calquera medio e con calquera ánimo e finalidade, dos soportes orixinais das gravacións ou as súas copias, de xeito íntegro ou parcial.

3.º) A reprodución de imaxes e sons gravados con finalidades distintas das establecidas na Lei orgánica 4/1997.

4.º) A utilización de imaxes e sons gravados ou dos medios técnicos de gravación afectos ao servizo para finalidades distintas das establecidas na Lei orgánica 4/1997.

q) Calquera outra conduta non enumerada nos puntos anteriores tipificada como falta moi grave na lexislación xeral.

Artigo 80.-Faltas graves.
Son faltas graves:
a) A grave desconsideración cos superiores, compañeiros, subordinados ou cidadáns, no exercicio das súas funcións ou con ocasión delas.

b) A desobediencia aos superiores xerárquicos ou responsables do servizo con motivo das ordes ou instrucións dadas por aqueles.

c) A omisión da obriga de dar conta aos seus superiores coa debida dilixencia de todo asunto que requira o seu coñecemento ou decisión urxentes.

d) A infracción de deberes ou obrigas legalmente establecidos inherentes ao cargo ou función, cando se produzan de maneira grave e reiterada.

e) Os actos e condutas que atenten gravemente contra a dignidade dos funcionarios, contra a imaxe dos corpos da Policía local e contra o prestixio e a consideración debidos ao concello e á Xunta de Galicia.

f) A falta de presentación ou posta á disposición inmediata na dependencia de destino ou na máis próxima nos casos de declaración dos estados de alarma, excepción ou sitio, ou cando así se dispoña no caso de alteración grave da seguridade cidadá.

g) A terceira falta inxustificada de asistencia ao servizo nun período de tres meses, cando as dúas anteriores fosen obxecto de sanción firme por falta leve.

h) Non prestar servizo alegando suposta enfermidade ou simulando maior gravidade desta.

i) A falta de rendemento manifesta, reiterada e non xustificada, que ocasione un grave prexuízo á cidadanía ou á eficacia dos servizos.

j) A emisión de informes sobre asuntos de servizo que, sen faltar abertamente á verdade, a terxiversen, valéndose de termos ambiguos, confusos ou tendenciosos, ou a alteren mediante inexactitudes, cando se cause prexuízo á administración ou aos cidadáns, sempre que o feito non constitúa delito ou falta moi grave.

k) A intervención nun procedemento administrativo cando concorra algunha das causas legais de abstención.

l) Non ir provisto nos actos de servizo da uniformidade regulamentaria cando o seu uso sexa preceptivo, así como dos distintivos da categoría ou cargo, da arma regulamentaria ou dos medios de protección ou acción que se determinen, sempre que non medie autorización en contrario.

m) O extravío, a perda ou a subtracción da arma regulamentaria, sempre que concorra neglixencia grave.

n) A utilización da arma en acto de servizo ou fóra del sen causa que o xustifique, creando alarma entre os cidadáns ou grave desprestixio do corpo.

ñ) Asistir a calquera manifestación ou reunión pública de uniforme ou facer uso ou ostentación da arma regulamentaria e/ou dos distintivos de identificación, agás que se trate de actos de servizo ou actos oficiais nos que a asistencia de uniforme estea indicada.

o) Causar danos graves na conservación de locais, material ou demais elementos relacionados co servizo, ou dar lugar, por neglixencia grave, ao extravío, perda ou subtracción destes.

p) Impedir, limitar ou obstaculizar os subordinados no exercicio dos dereitos que teñan recoñecidos sempre que non constitúa falta moi grave.

q) Embriagarse ou consumir drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas, en ambos os casos con habitualidade ou cando afecte a imaxe do corpo ou da función policial.

Entenderase por habitualidade a existencia acreditada de máis de dous episodios de consumo.

r) A negativa a someterse á realización das probas técnicas tendentes a comprobar que se está baixo a influencia do alcohol ou de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

s) Solicitar e obter cambios de destino mediando calquera recompensa ou ánimo de lucro ou falseando as condicións que o regulen.

t) A realización de actos ou declaracións que vulneren os límites ao dereito de acción sindical sinalados no artigo 19 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, sempre que se cause perturbación grave no normal funcionamento dos servizos.

u) Promover ou asistir a encerros en locais de titularidade pública ou ocupalos sen autorización, sempre que cause perturbación grave no normal funcionamento dos servizos.

v) Ter sido condenado por sentenza firme como autor dun delito ou falta imprudentes cando afecte o servizo ou cause grave dano á administración ou aos cidadáns.

w) As infraccións ao disposto na Lei orgánica 4/1997, do 4 de agosto, non constitutivas de falta moi grave.

x) O incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedemento en materia de incompatibilidades, cando non supoñan mantemento dunha situación de incompatibilidade.

y) O incumprimento do deber do segredo profesional no que se refire aos asuntos coñecidos por razón ou con ocasión do desempeño das súas funcións que prexudique o desenvolvemento do labor policial ou a calquera persoa.

z) As accións ou omisións tipificadas como faltas moi graves e que de acordo cos criterios que se establecen no artigo 82 desta lei merezan a cualificación de falta grave.

Artigo 81.-Faltas leves.
Son faltas leves:
a) O atraso ou neglixencia no cumprimento das funcións e ordes recibidas ou a falta de interese na instrución ou preparación persoal para desempeñalas.

b) A incorrección cos cidadáns, con outros membros dos corpos da Policía local ou cos membros doutras forzas e corpos de seguridade, sempre que non merezan unha cualificación máis grave.

c) A non asistencia ao servizo que non constitúa falta de maior gravidade e o incumprimento da xornada de traballo, así como as reiteradas faltas de puntualidade.

d) O mal uso ou o descoido na conservación dos locais, material ou demais elementos dos servizos, así como o incumprimento das normas dadas nesta materia, cando non constitúan falta máis grave.

e) Prescindir do conduto regulamentario para formular calquera solicitude, reclamación ou queixa nas relacións de servizo, así como non tramitar as peticións ou reclamacións formuladas na debida forma.

f) O descoido no aseo persoal e o incumprimento das normas de uniformidade, sempre que non constitúa falta máis grave.

g) O extravío, a perda ou a subtracción dos distintivos e credenciais de identificación, sempre que concorra neglixencia grave.

h) A ausencia inxustificada de calquera servizo, cando non mereza cualificación máis grave.

i) A omisión intencionada do deber de saúdo, a non devolución del ou incumprir de calquera outro xeito as normas que o regulan.

j) Calquera clase de xogo que se leve a cabo nas dependencias policiais, sempre que prexudique a prestación do servizo ou menoscabe a imaxe policial.

k) A exhibición ou ostentación da arma regulamentaria, dos distintivos e credenciais do cargo ou da condición de axente da autoridade sen causa que o xustifique.

l) As accións ou omisións tipificadas como faltas graves e que, de acordo cos criterios que se establecen no artigo 82 desta lei, merezan a cualificación de falta leve.

Artigo 82.-Criterios de graduación.
Para a determinación da cualificación dunha falta como grave ou leve, así como para a graduación das sancións, teranse en conta os seguintes criterios:

a) A intencionalidade.
b) A perturbación que poida producir no normal funcionamento da administración e dos servizos policiais.

c) Os danos e perdas ou a falta de consideración que poida implicar para os cidadáns e subordinados.

d) O quebrantamento que poida supor dos principios de disciplina e xerarquía propios do corpo.

e) A falta de consideración para outros membros dos corpos da Policía local, para as demais forzas e corpos de seguridade ou para os cidadáns.

f) A reincidencia. Existe reincidencia se o funcionario, ao cometer a falta, xa foi anteriormente sancionado en resolución firme por outra falta de maior gravidade ou por dúas de gravidade igual ou inferior e que non foran canceladas.

Para os efectos de reincidencia non se computarán os antecedentes disciplinarios cancelados ou que deberan selo.

g) O descrédito e desprestixio para a imaxe pública da institución policial.
h) O historial profesional do funcionario.
i) En xeral, a transcendencia para a seguridade pública.
Artigo 83.-Sancións.
1. As sancións que se poderán impor ás faltas anteriormente expostas serán as seguintes:

a) Por faltas moi graves:
1.º) Separación do servizo.
2.º) Suspensión de funcións por máis dun ano e ata tres anos.
b) Por faltas graves:
1.º) Suspensión de funcións desde cinco días ata un ano.
2.º) Inmobilización na escala por un período non superior a cinco anos.
3.º) Traslado a outro posto de traballo dentro da mesma localidade.
c) Por faltas leves:
1.º) Perda dun a catro días de remuneración e suspensión de funcións por igual período, que non suporá a perda de antigüidade nin implicará a inmobilización na escala.

2.º) Apercibimento.
2. As sancións inscribiranse nos respectivos expedientes persoais con indicación das faltas que as motivaron.

Artigo 84.-Prescrición das faltas.
1. As faltas moi graves prescribirán aos dous anos desde a data da súa comisión, as graves ao ano e as leves ao mes.

2. O prazo de prescrición comezarase a contar desde que a falta se cometese, agás que esta derive de feitos que fosen obxecto de condena por delito doloso; neste caso o prazo comezará a contar desde a data da firmeza da sentenza condenatoria.

3. A prescrición interromperase pola iniciación do procedemento disciplinario.
4. Cando se inicie un procedemento penal contra un funcionario dos corpos da Policía local, a prescrición das infraccións disciplinarias que dos feitos puidesen derivar quedará interrompida pola incoación daquel procedemento, mesmo cando non se procedese disciplinariamente. Nestes supostos, o prazo volverase computar desde a data da firmeza da resolución xudicial.

Artigo 85.-Prescrición das sancións.
1. As sancións por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves ao ano e as impostas por faltas leves ao mes.

2. O prazo de prescrición comezarase a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impón a sanción ou desde que se quebrantase o seu cumprimento, se comezase.

Artigo 86.-Cancelación.
1. As sancións disciplinarias anotaranse no rexistro de persoal con indicación das faltas que as motivan.

2. Transcorridos seis meses desde o cumprimento da sanción se se tratase de faltas leves, ou un e tres anos, respectivamente, segundo se trate de faltas graves ou moi graves non sancionadas con separación do servizo, acordarase de oficio a cancelación daquelas anotacións, sempre que durante aquel tempo non fose sancionado o interesado por feitos cometidos neses mesmos períodos.

3. A cancelación producirá o efecto de anular a anotación sen que poida certificarse sobre ela, agás cando o soliciten as autoridades competentes para iso, facéndose constar expresamente a cancelación, e para os únicos efectos do seu expediente persoal.

Artigo 87.-Procedemento.
1. Non se poderán impor sancións por faltas graves ou moi graves senón en virtude de expediente instruído para o efecto, cuxa tramitación se determinará regulamentariamente e se rexerá, en todo caso, polos principios de sumariedade e celeridade, sen que en ningún momento se poida producir indefensión.

2. A sanción por faltas leves poderase impor sen máis trámites que a audiencia do interesado.

TÍTULO VIII
Vixilantes municipais e auxiliares da Policía local
Artigo 88.-Vixilantes municipais.
1. De acordo co disposto na Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade, nos concellos que non dispoñan de corpo de Policía local poderanse realizar as funcións de custodia e vixilancia de bens, servizos e instalacións con persoal funcionario de carreira, que recibirá a denominación de vixilantes municipais.

2. Os concellos poderán crear un máximo de dous postos de traballo de vixilantes municipais. De as necesidades do servizo demandaren un número maior, os concellos poderán iniciar a creación do corpo de Policía local tal e como se establece nesta lei.

3. Nos concellos en que xa exista o corpo de Policía local non se poderán crear prazas de vixilantes municipais.

Artigo 89.-Funcións.
1. Sen prexuízo doutras que poidan ter asignadas nos respectivos concellos, as funcións de carácter policial que poderán desempeñar os vixilantes municipais son as seguintes:

a) Custodiar e vixiar bens, servizos, instalacións e dependencias municipais.
b) Ordenar, sinalizar e dirixir o tráfico no solo urbano legalmente delimitado, de acordo coas normas de circulación.

c) Velar polo cumprimento das ordenanzas, bandos e demais disposicións e actos municipais dentro do seu ámbito de competencia.

d) Participar nas tarefas de auxilio ao cidadán e de protección civil, de acordo co disposto nas leis.

2. O exercicio das funcións das alíneas b) e c) do número 1 deberá axustarse aos principios básicos de actuación establecidos na Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade, e recollidos no artigo 7 desta lei, posuíndo no exercicio das súas competencias a condición de axentes da autoridade.

Artigo 90.-Ámbito de actuación.
1. O ámbito de actuación dos vixilantes municipais será o do concello a que pertenzan, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente en cada caso para os supostos de catástrofe ou calamidade pública.

2. Os concellos que só dispoñan de vixilantes municipais poderanse acoller ao disposto no artigo 6 desta lei, de xeito que en datas determinadas poidan atender as necesidades do servizo de seguridade do concello coa actuación de membros das policías locais, ou vixilantes municipais, se é o caso, doutros concellos cos cales previamente se establecese o convenio oportuno.

Artigo 91.-Organización e funcionamento.
1. Con carácter xeral, os vixilantes municipais estarán sometidos ás mesmas normas de organización e funcionamento que o resto de funcionarios do concello.

2. Onde exista corpo de Policía local e, polo tanto, os vixilantes municipais sexan unha clase para extinguir, dependerán orgánica e funcionalmente del, e seranlles de aplicación as normas comúns de funcionamento e, así mesmo, os deberes e dereitos que non sexan exclusivos do persoal sometido ao estatuto policial establecido polo propio regulamento.

Artigo 92.-Ingreso.
1. As prazas de vixilante municipal serán ocupadas por funcionarios de carreira.
2. A selección farase polo procedemento de oposición, seguindo criterios semellantes aos fixados para os integrantes dos corpos da Policía local, recollidos no artigo 33 desta lei, adaptando as probas de coñecementos á titulación correspondente, sempre de acordo coa normativa aplicable á selección dos funcionarios da Administración local.

3. Para o acceso a vixilante municipal requirirase a certificación de ter superada a educación secundaria obrigatoria, título de graduado escolar ou equivalente, correspondente ao grupo D dos establecidos no artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública.

4. O acceso á condición de vixilante municipal requirirá inescusablemente que os aspirantes realicen e superen previamente un curso de formación programado pola Academia Galega de Seguridade Pública e adaptado ás características da súa función.

Artigo 93.-Réxime estatutario.
Sen prexuízo do disposto nesta lei, os vixilantes municipais rexeranse polo estatuto aplicable aos funcionarios da Administración local.

Artigo 94.-Uniformidade e medios técnicos.
1. Os vixilantes municipais actuarán co uniforme e distintivos propios da súa clase, de conformidade co que dispoña regulamentariamente a Xunta de Galicia en desenvolvemento desta lei.

2. En todo caso, a uniformidade dos vixilantes municipais deberase diferenciar claramente da que sexa propia dos corpos da Policía local.

3. Os vixilantes municipais non poderán portar armas de fogo.
Artigo 95.-Auxiliares de Policía local.
1. Nos concellos con aumento notorio de poboación en tempadas determinadas poderase incrementar transitoriamente o seu cadro de persoal mediante a contratación de persoal con funcións de auxiliar de policía. O dito incremento non superará o cincuenta por cento do persoal funcionario da Policía local, e tampouco poderá ter unha duración de máis de catro meses en período anual.

2. O establecemento do persoal a que se refire este punto requirirá a tramitación polos respectivos concellos dun expediente motivado, do cal se deberá dar conta á consellaría competente en materia de seguridade da Xunta de Galicia.

3. Os auxiliares de Policía local desempeñarán as funcións de apoio e de auxilio aos membros do corpo de Policía local no marco do disposto na lexislación de corpos e forzas de seguridade.

4. A selección farase seguindo criterios semellantes aos fixados para os integrantes dos corpos da Policía local, recollidos no artigo 35 desta lei.

5. Para o acceso a auxiliar da Policía local requirirase a certificación de ter superada a educación secundaria obrigatoria, título de graduado escolar ou equivalente, correspondente ao grupo D dos establecidos no artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública.

6. Para poder exercer estas funcións, os auxiliares terán que superar previamente un curso teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade Pública.

7. En determinados casos, debida e obxectivamente xustificados á consellaría competente, poderase permitir a contratación aos concellos dun número de auxiliares superior ao mencionado no número 1 deste artigo, ou por prazo de tempo superior que non excederá, en todo caso, os seis meses dentro do ano natural.

Artigo 96.-Uniformidade.
Para o desempeño das súas funcións, os auxiliares de Policía local deberán vestir o uniforme correspondente ao corpo de Policía local en que presten temporalmente os seus servizos, diferenciándose daqueles nas seguintes particularidades:

a) Non levarán placa-emblema nin distintivo ningún nas ombreiras e farán constar a súa condición coa lenda de «AUXILIAR DE POLICÍA LOCAL».

b) Irán provistos dun documento de acreditación semellante ao dos membros dos corpos de Policía local, no cal se substituirá a categoría de policía por «auxiliar de Policía local», e o seu número de identificación, dado polo concello, irá precedido dun «A» maiúsculo.

Disposición adicional primeira. Reintegración de categorías dos corpos da Policía local de Galicia.

1. A partir da entrada en vigor desta lei, as anteriores categorías de inspector, subinspector, oficial, suboficial, sarxento, cabo e garda pasarán a integrarse nas seguintes categorías: inspector na de superintendente, subinspector na de intendente principal, oficial na de intendente, suboficial na de inspector principal, sarxento na de inspector, cabo na de oficial e garda na de policía.

2. Onde non exista corpo de Policía local, os auxiliares de Policía local ou os funcionarios con funcións semellantes, calquera que sexa a súa denominación, pasarán a denominarse vixilantes municipais.

Disposición adicional segunda. Integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos nos corpos de Policía local.

Os vixilantes e auxiliares de policía e interinos, cunha antigüidade mínima nestes postos de tres anos continuados na respectiva entidade local e que no momento da entrada en vigor desta lei estean prestando servizos no concello de que se trate, integraranse no corpo de Policía local xa existente ou no que se cree, tras a superación, nun prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei e por un máximo de dúas convocatorias, dun concurso-oposición con dispensa dos requisitos de idade e estatura. Á titulación exixida no devandito concurso equipárase a superación dun curso específico que para tal efecto impartirá a Academia Galega de Seguridade Pública.

Disposición transitoria primeira. Clasificación e integración dos funcionarios da Policía local.

1. No prazo de tres anos desde a entrada en vigor desta lei, os funcionarios dos corpos de Policía local da escala básica, executiva, técnica e superior entenderanse clasificados, unicamente para os efectos retributivos, nos grupos C, B e A, sen que este feito poida supor necesariamente un incremento de gasto público nin modificación do cómputo anual das retribucións totais dos funcionarios desas escalas e categorías.

2. Transcorridos tres anos, contados desde a entrada en vigor desta lei, os funcionarios que posúan a titulación académica requirida para o acceso ás escalas e categorías en que son reclasificados quedarán integrados, para todos os efectos, nelas. Pola contra, aqueles que carezan da citada titulación académica quedarán integrados, para todos os efectos, nas escalas e categorías en que son reclasificados, pero neste caso na situación de «para extinguir», e permanecerán nelas ata que acrediten a obtención dos niveis de titulación académica exixidos en cada caso ou superen as actividades formativas que, para os efectos de promoción interna, se puidesen establecer.

3. Os trienios que se perfeccionasen nas escalas e categorías que estruturan a Policía local con anterioridade á entrada en vigor da Lei de Policía da Comunidade Autónoma de Galicia valoraranse de acordo co grupo de clasificación a que pertencía o funcionario no momento do seu perfeccionamento.

4. A clasificación dos funcionarios da Policía local prevista nesta disposición levarase a efecto de modo que non supoña necesariamente incremento no cómputo conxunto das súas retribucións. Nestes casos percibirán o soldo base e os trienios correspondentes ao novo grupo de titulación, pero o exceso sobre o do grupo anterior deducirase das súas retribucións complementarias, preferentemente do concepto de produtividade, se o hai, referidas a catorce mensualidades ao cómputo anual, de forma que se perciban idénticas remuneracións globais respecto da situación anterior.

Disposición transitoria segunda. Procedementos selectivos en curso nos corpos de Policía local.

Os procesos de selección convocados con anterioridade á entrada en vigor desta lei rexeranse, en canto ás titulacións exixibles para o acceso ao corpo, pola normativa anterior.

Disposición transitoria terceira. Segunda actividade.
Os funcionarios que teñan cumprida, no momento da entrada en vigor desta lei, a idade mínima establecida nela para o pase á situación de segunda actividade irán accedendo a esta última de maneira gradual. Os concellos deberán regularizar a situación no prazo de cinco anos, contados desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.
Queda derrogada a Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, e todas as disposicións de igual ou inferior rango no que se opoñan ou contradigan o establecido nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo.
Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para realizar o desenvolvemento regulamentario desta lei.

O decreto de homologación dos distintivos de acreditación profesional e rexistro de policías locais publicarase no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición derradeira segunda. Regulamento da segunda actividade.
As circunstancias e condicións da situación administrativa da segunda actividade non recollidas nesta lei determinaranse regulamentariamente.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.
Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil sete.
Emilio Pérez Touriño
Presidente


© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga @xunta.es

*Disponible para consultas el Diccionario jurídico